Introducción e contexto

 

A acumulación de cantidades apreciables de algas en zonas de praia é un fenómeno natural habitual, sobre todo estacional, e que afecta a calquera emprazamento xeográfico. Durante as tormentas de verán, ao final do período de vexetación, as macroalgas son arrincadas, transportadas polas correntes e acumuladas na zona de rompentes das praias, o que orixina esta deposición das denominadas “algas de arribazón”. Galicia, pola súa particular orografía costeira, padece especialmente este feito. As acumulacións de algas son unha característica constante das praias de area de Galicia e o proceso de deposición intensifícase con frecuencia nos estuarios e zonas a cuberto.

 

Estes amoreamentos derivan na xeración de cheiros nas praias e producen graves perdas ao sector pesqueiro por mor de depositárense sobre os bancos marisqueiros e inducir condicións de anoxia no sedimento (morte de moluscos bivalvos). O mantemento dos bancos marisqueiros e das condicións hixiénico-sanitarias necesarias para o uso das praias, fai necesaria a retirada das devanditas algas, o que supón a extracción de enormes cantidades por ano (non cuantificadas). Estas biomasas, representan unha fonte de materia orgánica moi valiosa e abundante que, exceptuando casos illados, non se aproveita e  se destina case integramente á vertedura. Existen antecedentes que amosan que as algas poden ser aproveitadas para a produción de fertilizantes orgánicos de calidade mediante a compostaxe.

 

As algas de arribazón teñen sido tradicionalmente utilizadas para o seu uso como emenda de solos de cultivo en zonas costeiras de todo o mundo xa que constitúen unha fonte de materia orgánica de fácil acceso que mellora visiblemente as propiedades físicas, químicas e biolóxicas do solo. Na actualidade, a pesar de que esta práctica séguese a levar a cabo de forma anecdótica en relación á biomasa dispoñible, a meirande parte das algas é recollida por empresas xestoras e destinada á vertedoiros. A vertedura de algas non só supón o desaproveitamento dunha excelente fonte de materia orgánica, senón que ademais supón unha xestión inadecuada do residuo, aumentando o risco de contaminación ambiental por xeración de lixiviados, emisión de gases (incluíndo gases de efecto invernadoiro), e cheiros por podremia en condicións anaerobias. A compostaxe das algas de arribazón constitúe unha alternativa sinxela á vertedura, que permite a estabilización do material orgánico, reducindo o seu impacto ambiental, e o transforma nun produto de valor engadido, o que permitiría recuperar os custos de tratamento e xestión das mesmas.

 

Ademais do seu uso como fertilizante e abono en solos cultivados, nos últimos anos ten aparecido algunha iniciativa para o seu uso como abono en solos forestais queimados. Os lumes forestais son a principal causa de degradación e desertización do solo en moitas partes do mundo, incluíndo o sur de Europa como Grecia, Italia, sur de Francia, España e Portugal, causando a aceleración dos procesos de degradación do solo e as perdas de nutrientes a través da volatilización, a lixiviación e a erosión.

 

Asemade, existen iniciativas no uso de composto para previr e remediar a formación de augas ácidas, producidas pola disolución oxidativa de minerais debida á acción de factores naturais (edáficos, climáticos, e biolóxicos) e antropoxénicos (derivados da acción do home). Estas augas non só se limitan á industria mineira (de carbón e metais) senón tamén ocorren cando materiais sulfurosos quedan expostos á acción natural, como, por exemplo, en construcións de estradas, túneles e outras infraestruturas.